jueves, 26 de marzo de 2026

Día Internacional dos Bosques

 Hoxe celebramos o Día dos Bosques, unha ocasión perfecta para lembrar a importancia que teñen estes espazos naturais para a vida no noso planeta. Para conmemorar esta data tan especial, saímos á contorna e realizamos unha actividade baseada na dinámica do “fío vermello”, que nos axudou a reflexionar sobre a conexión que existe entre nós e a natureza.

Para iso, comezamos coa lectura do conto “Un bosque en mi”, que nos invitou a pensar en como os bosques forman parte de nós e de todo o que nos rodea. A partir da lectura, mantivemos unha conversa na que falamos sobre por que os bosques son tan importantes: porque nos dan osíxeno, serven de fogar para moitos animais e plantas, axudan a coidar o clima e, ademais, son lugares cheos de vida e calma.

Achegámonos ás árbores, abrazámolas e dedicamos un momento a sentilas: a súa cortiza, a súa forza e a tranquilidade que transmiten. Foi unha forma moi especial de conectar coa natureza e tomar conciencia do seu valor.

A continuación, tecemos entre todos un fío vermello que unía as árbores con nós. Este fío simboliza o vínculo que temos co bosque, lembrándonos que formamos parte del e que tamén somos responsables de coidalo e protexelo.


Para rematar a actividade, realizamos unha pequena representación do vivido mediante o debuxo.


Foi un mañá chea de aprendizaxe, emocións e natureza, no que lembramos que os bosques non só están ao noso redor… tamén están, dalgún xeito, dentro de nós.



















 



















Chegada da Primavera

 Hoxe celebramos a chegada da Primavera, cunhas idea que nos deu a profe Isa, con  xices e auga, fixemos pinturas, para tinguir o noso patio de flores.

Mirade que bonitas quedaron!!




       
























miércoles, 18 de marzo de 2026

Semana da Prensa

 

Conmemoración da Semana da Prensa: unha intervención sobre o espazo da noticia

Con motivo da Semana da Prensa, realizamos no centro unha instalación artística de grafismo inspirada na proposta do libro El hombre que rayaba los periódicos, de Eduardo Torres (Rosendo Cid)

A actividade converteu a aula nun espazo simbólico no que a prensa pasou de ser só lectura a ser tamén materia de creación e reflexión. Os xornais cubriron paredes, chan e obxectos, transformando o espazo común nun lugar de intervención gráfica. Sobre ese soporte —a prensa como espazo de comunicación e escritura— experimentamos coa lectura, coa mirada e co xesto.

Lemos, rodeamos e tamén raiamos.
Intervimos as páxinas, destacando palabras, sinalando imaxes, creando novas relacións entre textos e titulares.

A proposta permitiunos pensar na prensa non só como fonte de información, senón tamén como territorio de interpretación, onde cada lector constrúe significados. As noticias deixaron de ser alleas: pasaron a dialogar coas nosas miradas e cos nosos xestos.

Porque ao final tamén nós, formamos parte do que acontece, somos noticia.