Durante estes días, na escola, estamos a traballar arredor do conto “O ladrón de follas”, escrito por Alice Hemming, ilustrado por Nicola Slater e publicado pola editorial Jaguar. Unha divertida historia na que os protagonistas, un esquío e un paxaro, nos achegan ao marabilloso mundo do outono e aos seus cambios na natureza.
A través deste conto estamos descubrindo as follas, as súas formas, tamaños e cores, ao tempo que desenvolvemos a creatividade, a observación, a motricidade fina e a linguaxe.
Para iso, estamos a realizar diferentes propostas e actividades:
🍁 Descubrimos as formas das follas, colocamos follas naturais debaixo dun folio e, empregando ceras brandas, frotamos suavemente ata que aparecen as súas formas e nervaduras. Unha actividade coa que descubrimos as pegadas que deixa a natureza no papel.
🍂
Clasificamos follas, observamos as diferentes follas que recollemos e agrupámolas segundo o seu tamaño: pequenas, medianas e grandes. Así traballamos a observación, a comparación e a clasificación.
🐿️ Creamos os protagonistas do conto, utilizando os policubos, construímos os personaxes principais desta historia: o esquío e o paxaro. Xogamos coas formas e coas pezas para dar vida aos nosos protagonistas.
🎨 Debuxamos o outono, damos renda solta a nosa creatividade debuxando o esquío e as follas, empregando as fermosas cores propias desta estación: amarelos, laranxas, vermellos e marróns.
🔤 Xogamos coas letras entre as follas, agochamos diferentes letras entre unha morea de virutiñas de follas e, coa axuda da observación e da asociación, buscamos as necesarias para construír tres palabras moi especiais: ESQUÍO, PAXARO e FOLLAS. Unha maneira divertida de achegarnos ás letras e á linguaxe escrita
🌳 Creamos árbores de outono, presentamos unha árbore sen follas e diferentes tarxetas con patróns de cores. A partir delas, os peques deben completar a árbore colocando as folliñas correspondentes e seguindo a secuencia de cores que aparece en cada tarxeta. Unha proposta coa que traballamos a atención, a observación, a asociación e a lóxica matemática mentres xogamos coas cores do outono. 🍂