Hoxe gozamos dunha actividade do máis divertida e deliciosa. Aproveitando que o mércores é o día que adicamos a preparar a merenda na escola, decidimos facer unhas receitas moi especiais e terroríficas con motivo do Samaín.
Convertémonos en pequenas e pequenos chefs para elaborar unhas creacións do máis orixinais!
Por unha banda, preparamos uns plátanos pantasmiña 👻 e por outra, cunhas obleas, tomate, queixo e olivas negras, creamos unhas divertidas momias salgadas 🧟♀️.
Ademais de pasalo xenial, esta actividade permitiunos traballar moitos aspectos importantes do noso desenvolvemento. A través da manipulación dos alimentos, exercitamos a psicomotricidade fina, a coordinación óculo-manual e a precisión dos movementos, utilizando as nosas pequenas mans para colocar cada ingrediente no seu sitio.
Tamén fomentamos a autonomía e a confianza nas nosas propias capacidades, e traballamos a atención, concentración e paciencia. Sen esquecer a importancia de explorar diferentes texturas, recoñecer alimentos e descubrir novos sabores, achegándonos a unha alimentación variada e saudable dunha maneira lúdica e significativa.
Pero o mellor de todo chegou ao final… a hora de probar as nosas creacións! 😋 Gozamos moitísimo comendo as nosas pantasmiñas e momias!!
Porque na nosa escola aprendemos xogando, experimentando, creando e, sobre todo, gozando de cada pequeno momento!
Foi unha experiencia deliciosa e terrorificamente divertida! 🧡🖤



















No hay comentarios:
Publicar un comentario